21.10.13

CONCURSO-EXPOSICIÓN DO SAMAÍN

O concurso-exposición do Samaín está a ser todo un éxito grazas á colaboración de profesorado e alumnado.  As cabazas tiveron un espazo destacado pero houbo catro máis en torno ás historias tradicionais asociadas ao poder escuro dos catro elementos básicos: auga, lume, terra e aire, nos que, xunto á información escrita, reproducimos os personaxes a tamaño real.

AS CABAZAS
                                    


No centro da exposición tivemos dúas fermosas cabazas talladas por dous alumnos de 1º de ESO que obtiveron premio no concurso. Tamén houbo un mural cunha grande cabaza e outra feita en papel pero chea con bolsas de lixo para darlle volume. Xunto a elas carteis explicativos da tradición celta do Samaín e do costume de taller e acender cabazas esa noite.


 

 AS FORZAS DO LUME

- No espazo dedicado ás forzas do LUME montouse un aquelarre con tres bruxas arredor do lume.

 








                                            



AS FORZAS DA AUGA


No espazo dedicado á auga houbo unha fonte, un lago, un río e un mar cheo de ondas onde cobraron vida a lenda da Poza da moura, a historia das lavandeiras da noite no río, a atracción fatal de fadas dos lagos e sereas e a lenda sobre os xacios e xacias do río Miño.





AS FORZAS DA TERRA

No espazo das forzas da TERRA nun camposanto de terra cheo de tumbas, zombies, esqueletos e momias e ata un lobishome deron vida á tradición de Santo André de Teixido e aos relatos de Ánxel Fole, Dieste, Castelao e Risco.




  AS FORZAS DO AIRE

Para as forzas do AIRE, organizamos un espazo en torno á Santa Compaña, espíritos e seres fantasmais e outro espazo dedicado a morcegos e vampiros.



MÁIS TRABALLOS PRESENTADOS AO CONCURSO:

- Murais presentados polo alumnado de 1º Bacharelato de Debuxo artístico.




E dous vídeos que se proxectarán na pantalla da planta baixa do instituto:
- O panteón dos esquecidos dun grupo de alumnado de 4º.








- un vídeo do alumnado de 2º de Bacharelato de Arte e ademais unha reportaxe fotográfica en branco e negro.

8.10.13

APRENDENDO HISTORIA NO CASTELO DE SOUTOMAIOR



O alumnado de 3º da ESO visitamos o castelo de Soutomaior. Está situado nun lugar que domina o territorio enmarcado polo val do río Verdugo, dende a súa confluencia co Oitavén ata a súa desembocadura na enseada de San Simón, en Arcade, permanecendo así agochado das invasións realizadas por mar de normandos, turcos ou  piratas.  Contáronnos que a construción orixinal data do século XII, se ben será con Pedro Álvarez de Soutomaior, coñecido polo alcume de Pedro Madruga co que alcance o seu máximo esplendor xa que chegou a ser o epicentro da actividade política do sur de Galicia durante o século XV. Foi derruído durante a Revolución Irmandiña e Pedro Madruga intervirá moi directamente na súa reconstrución. No século XIX o castelo pasa a mans do marqués da Vega de Armijo que o transforma, coa construción neogótica da "Galería de Damas", nunha residencia de verán.

No seu interior puidemos pasear polas antigas estancias totalmente restauradas. Estes espazos empréganse para exposicións. Na que nós visitamos, acompañados dun guía, puidemos informarnos nos paneis sobre as formas de vida da sociedade medieval e mesmo experimentar, probando armas como a espada, o arco  e a bésta.

Nos extramuros, visitamos tamén os maxestosos xardíns onde sobreviven castiñeiros de oitocentos anos de antigüidade. Teñen unha rica, variada e centenaria flora, unha praza rodeada de plátanos, unha avenida de hortensias e unha fermosa e variada colección de camelias.




1.10.13

CONCURSO SAMAÍN

Xa está convocado o concurso do Samaín. Axúdanos a encher a planta baixa e as aulas do instituto de creatividade, dando un paso adiante en defensa da nosa cultura propia. Poñede xa en marcha as vosas ideas para, de xeito individual ou en grupo, encher de creatividade as aulas e a planta baixa do centro inspirándovos nos personaxes da tradición galega e nas historias e lendas de medo e de terror. Aquí tedes unha presentación para inspirarvos.



25.9.13

CONVERSA EN GALEGO É A TÚA LINGUA

Hoxe tivemos o primeiro encontro de todo o alumnado e profesorado que se anotou aos equipos. Xogamos a unha especie de twister feito cos todos os pés nos que asinamos o noso compromiso de ir ás reunións semanais e falar en galego. Había dúas rodas: nunca sorteábase a cor e noutra o curso. Se dicían o teu curso había que saír e colocarse nos pés da cor que saíra. Entón Manuel preguntábamos: quen sodes? E nós iamos berrando os nosos nomes. E logo: a que vos comprometedes? E entón había que contestar todos xuntos: a conversar en galego. E agasalláronnos con adhesivos cun logo parecido ao da marca de zapatillas converse pero que dicía: CONVERSA EN GALEGO: É A TÚA LINGUA. Xa organizamos os equipos para as reunións semanais: : luns, 3º da ESO; martes, bacharelato e ciclos superiores; mércores: 4º e ciclos medios; xoves: 2ºESO; venres, 1º ESO. Se te queres incorporar, ven no segundo recreo o día que che toque á sala de usos múltiples.





23.9.13

XA ES PARTE DO EQUIPO?

 Viñeches anotarte ao equipo e asinar o teu pé? Bule que o mércores 25 teremos a 1ª reunión para todos os anotad@s.






 

16.9.13

UN PASO ADIANTE: CONVERSA EN GALEGO

Aquí estamos de novo desde o equipo de dinamización invitándovos a DAR UN PASO ADIANTE na defensa da nosa lingua propia. E fixémolo enchendo o instituto con zapatillas da marca que nos distingue: CONVERSA EN GALEGO. Esa é a nosa invitación. VEN: HAI UN EQUIPO AGARDANDO POR TI. Anótate nos recreos desta primeira semana de clase.


21.6.13

GALEGA DESDE O CARIÑO

Ana, Nerea e Luis, alumn@s de 3º da ESO, entrevistan a súa profesora de matemáticas, Carmiña. Ela é canaria e cóntanos a súa descuberta da nosa cultura e da nosa lingua que aprendeu a falar desde o cariño e o desexo de que sexa unha lingua viva.



14.6.13

CHEGA O VERÁN. QUERES SENTIRTE EN PLENA FORMA? MÓVETE, RESPIRA E COME FROITA FRESCA.

Chega o verán, o bo tempo e xa están moi preto as vacacións. É hora de saír da casa, de tanto tempo pechados estudando e facermos exercicio ao aire libre. É tempo de nadar e correr pola praia, subir ao Facho, pasear pola fermosa carballeira de Coiro... e comer moita froita para poñerse en plena forma. Grazas ás dúas semanas máis que nos concederon do Plan de consumo de froita nas Escolas xa puidemos saborear amorodos, nésperas, melocotóns, nectarinas, cereixas e sandías... froita de tempada que está riquísima. Segue practicando no verán!





Neste mes remataron as charlas nas aulas sobre reciclaxe de residuos orgánicos as visitas ao compostoiro e o pequeno horto que temos no instituto.. Aquí tedes fotos do alumnado de 4ºA. Se queredes lembrar a presentación que se levou polas aulas premede neste enlace:

http://observatoriorodeira.blogspot.com.es/2013/06/visita-didactica-horta.html



Co a chegada do bo tempo, puidemos ir á praia nas clases de educación física e comezar a gozar do sol, do aire e do mar. Mesmo fixemos un curso de kaiak e windsurf!



Para rematar a nosa campaña publicitaria, organizamos un picnic froiteiro no recreo e gravamos dous anuncios.

publicidade do consumo de froita from lingualiza on Vimeo.

campaña consumo de froita from lingualiza on Vimeo.

12.6.13

AFRICA-NÓS

Na Semana Intercultural propuxemos un achegamento a África, un continente cheo de cor. Contamos cunhas guías de excepción, alumnas do instituto que son africanas e nos achegaron aos lugares dos que proceden, ás súas linguas e culturas.







Descubrimos tamén que a nosa lingua galega ten unha importante función internacional porque nos permite achegarnos dun xeito especial a cinco lugares africanos aos que os portugueses levaron, no século XV, o galego-portugués medieval que aínda seguen a falar xunto ás súas linguas propias. Pescudamos a súa localización, as características da súa paisaxe e a músicos e escritores, descubrindo que eramos quen de comprendelos sen necesidade de tradución. Ficamos orgullos@s de termos unha lingua que nos permite comunicarnos con xentes de lugares tan afastados xeograficamente.