30.1.12

DÍA DA PAZ

O 30 de xaneiro no 2º recreo convocounos o desexo de sumarnos a cantos traballan a favor da PAZ e da NON VIOLENCIA. E escollemos facelo simbolizando o mundo con dúas grandes rodas, unha por fóra mirando cara a dentro e outra por dentro mirando cara a fóra, que xiraban mentres soaba a música de No mundo de LUAR NA LUBRE.

No mundo hai tres cousas
que me poñen mal:
as guerras, a fame e a desigualdá(de)
Non sexas pasivo e móvete xa
Aínda hai esperanza,
debemos loitar

Coas guerras fracasa a humanidá(de)
é unha constante de volta para atrás
morte, enfermidade e desolación
levántate, móvete e deixa o sillón.

Da fame, queridos, que vos vou decir,
milleiros de nenos non ten que comer
en Asia, América ou en África
polo ben do mundo, solidariedá(de)
(bis)


Nese mundo simbolizado nas rodas, cada un de nós representaba unha das linguas e culturas do mundo.que foran previamente repartidas. Cada participante a levaba escrita nun cartel xunto coa palabra PAZ tal e como soa en cada unha das linguas. Porque o mundo é diverso en culturas, linguas, razas, maneiras de pensar, de opinar, de manifestarse... e a paz só será posible no respecto e na igualdade en dereitos e oportunidades. Por iso, cada vez que a música paraba, celebramos o noso desexo de paz achegándonos ás culturas que quedaban fronte a nós, saudándoas dicindo PAZ na súa lingua e fundíndonos nunha aperta cariñosa que simbolizaba o noso desexo de acollida. NON á imposición. SI ao encontro e ao diálogo. Só así atoparemos camiños para a PAZ.

Defendemos o dereito de cada pobo a vivir na súa terra e a manter a súa identidade cultural desde o respecto aos dereitos humanos. Porque a diversidade nos enriquece.

Na construción da paz todos somos necesarios, todos temos responsabilidade. Para simbolizalo colocámonos uns xunto aos outros, unha culturas ao lado da outra, e debuxamos cos nosos corpos o símbolo da paz.

Quixemos rematar este acto festivo cunha lembranza aos pobos que, neste mesmo momento, están sufrindo guerras que só favorecen os intereses duns poucos. Pobos asolados por bombas que caen do ceo. Oxalá a humanidade entenda que nada dá dereito a arrasar pobos e vidas. E os nosos soños e desexos de paz e felicidade convertéronse nunha chuvia de caramelos.

13.1.12

MÁIS GALEGO ACHEGÁNDONOS AO PORTUGUÉS

Un ano máis descubrimos o ben que nos entendemos cos portugueses falando galego. Foi nunha visita ao Porto. Alí conversamos co Fabio, o guía que nos mostrou as adegas do afamado viño do Porto e nos explicou en portugués como se elaboraba. Era moi simpático e entendémolo perfectamente. No tempo libre buscamos onde comer, paseamos polo casco vello de Porto e pola zona comercial. É realmente unha gran cidade. A última visita foi ao museo de arte contemporánea de Serralves. Alí os guías tamén nos falaron en portugués e aínda houbo tempo para dar un paseo polos fermosos xardíns. Un día moi ben aproveitado…

22.12.11

FESTA DE NADAL


A partir desa idea, “O galego é un regalo”, e dos lemas en galego das nosas camisetas o alumnado dos equipos montou este vídeo que se estreou na festa de Nadal.

20.12.11

O GALEGO É UN REGALO

Este Nadal celebramos que o galego é un regalo que nos fai especiais, únicos e orixinais. Un regalo que descubrimos na música, nos libros, no audiovisual que temos na biblioteca e que expoñemos cada ano. Pero este ano invitámosvos a saír a procura do galego polas rúas de Cangas e atopástelo nos nomes de moitas tendas de Cangas, en folletos, en bolsas de regalo, en etiquetas de produtos do super, nos menús de algúns dos restaurantes que temos máis preto de nós, en carteis publicitarios... Trouxestes unha chea de fotos, produtos e folletos e con papel dourado e moitos lazos navideños montamos esta exposición.



Coas fotos que recollemos fixemos unha colección de postais. Recoñecedes os sitios?

SEMANA CULTURAL FURTIVA

Un ano máis, colaboramos coa Asociación Cultural Furtiva organizando, na Semana Cultural do seu festival unha mesa redonda sobre hip hop con músicos de grupo do Morrazo, á que asistiu o alumnado de 1º de bacharelato.

25.11.11

VIOLENCIA DE XÉNERO

O 25 de novembro sumámonos á celebración internacional contra a violencia de xénero, reuníndonos na entrada do instituto, onde pintamos un NON nas nosas frontes contra calquera tipo de comportamento violento contra as mulleres, un grave problema social no que todos e todas debemos implicarnos. Vimos varios vídeos que incidían na necesidade de prevención, de detectalos canto antes e rexeitalos con rotundidade.

12.11.11

MAGOSTO

O mal tempo case non nos deixa celebrar o magosto este ano. Pero ao mal tempo, boa cara... que as castañas estaban boísimas. E, como non puidemos facelo no patio, bailamos no pavillón. Tecemos redes coa nosa propia tradición e coas tradicións do mundo. Pasámolo fenomenal.

4.11.11

DÍA DA CIENCIA EN GALEGO

Hoxe, día 4 de novembro, celebramos o Día da ciencia en galego. Por iso fixestes esas bolboretas de cor branca e azul e as gardastes dentro dun libro de matemáticas, de física ou de tecnoloxía. Porque se queremos un futuro en galego non podemos renunciar a que o galego sexa lingua da ciencia e da tecnoloxía. E ese camiño comeza no ensino. Porque é aprendendo en galego matemáticas ou física, tecnoloxía ou bioloxía, informática ou electrónica; formulando, investigando, montando circuítos, aprendendo a programar ou experimentando no laboratorio... como entendemos que a nosa lingua non nos limita senón que nos enriquece e nos prepara para o diálogo con todas as culturas do mundo.
Por iso, porque non queremos que se lle poñan límites ao galego, porque queremos que o galego poida ser lingua non só da cultura literaria senón tamén da científica e da tecnolóxica, abrimos os nosos libros e deixamos voar a nosa bolboreta azul e branca. A algunhas custoulles traballo voar e tivemos que volver intentalo. E cada vez que unha conseguía alzar o voo, aplausos e berros para celebralo. E para rematar este acto festivo houbo tamén un forte aplauso para todo o profesorado do ámbito científico e tecnolóxico, polo seu compromiso decidido para transmitir ao noso alumnado o uso normalizado do galego no ámbito da ciencia e da tecnoloxía.

3.11.11

TERROR NO INSTITUTO

Así de terrorífico quedou o instituto coas achegas de todo o alumnado, da mañá e da tarde, seleccionando relatos, banda deseñada e frases feitas que axudaron a dar a coñecer a nosa cultura e achegando traballos manuais moi variados, reportaxes fortográficas e deliciosas receitas cheas de imaxinación e creatividade. Grazas a todos e a todas pola vosa participación.



Aquí tedes as frases feitas do concurso. Probade a relacionar cada frase co seu significado. A ver cantas sodes quen de acertar!



Tan atractiva estaba a nosa exposición do Samaín que os rapaces e rapazas de 6º do cole da Rúa quixeron vir vela. O alumnado do equipo de dinamización do galego de 2º da ESO recibiunos e foilles mostrando os traballos expostos. Falaron sempre en galego e fixérono moi ben. Logo leron algunhas historias de terror e ata se disfrazaron de Santa Compaña. Os nenos e nenas da Rúa pasárono moi ben, sobre todo cando se meteron dentro do peto das ánimas. Tamén lles gustou modelar personaxes de terror. Encantounos a súa visita. Volvede cando queirades!



10.10.11

XA SOMOS MOITOS... E TI?

Xa sodes case 150 os alumnos e alumnas anotados ao proxecto. Aquí tedes as fotos da nosa primeira xuntanza. O lema MÁIS GALEGO encheuse cos vosos nomes nese colaxe colectivo porque é a vosa participación a que enche de sentido o noso traballo. Tamén colgamos os carteis nos que expresastes as razóns que vos levaron a querer formar parte do proxecto. Vides polos amigos, polas festas ou polas excursións pero co firme compromiso de falar en galego en todas as nosas xuntanzas e actividades.

Aínda que a xente nova non fala galego no instituto, nós sabemos que levades dentro a lingua dos vosos avós, da vosa familia, a lingua que foi de Cangas durante séculos. Apuntástesvos porque queredes falala e que sexa de verdade vosa. Para axudarvos a facelo dun xeito ameno e divertido existe este equipo. Por iso bailamos ao son da música galega, apagamos as luces e axitamos con forza uns pauciños de plástico que se iluminaron con luces de cores. Así simbolizamos o compromiso de facer saír o galego que levamos dentro. Unimos os paus de cores para sentir a forza do grupo que nos servirá de apoio pero tamén de esixencia para cumprir o noso compromiso.

A partir de agora verémonos un día á semana en pequenos grupos. Volverémonos reunir todos e todas nunha gran festa ao final do trimestre.

7.10.11

MÁIS GALEGO

Benvidos un curso máis a un novo proxecto de dinamización da lingua galega. Queremos MÁIS GALEGO e invitamos a sumarse a este proxecto a toda a comunidade educativa, TECENDO REDES que conecten os esforzos individuais, colectivos, institucionais; no noso centro e tamén no contexto que nos rodea: en Cangas, no Morrazo, en Galicia, en España e no mundo; no ensino, no lecer, na cultura, na ciencia e na tecnoloxía, na empresa e no comercio, nos medios de comunicación; nos libros, na música, no audiovisual, na rede; entre o profesorado; entre o alumnado noso e doutros institutos; coas familias e a xente maior e cos nenos e nenas dos coles de primaria... O noso proxecto quere TECER REDES que se estendan en todas direccións dando visibilidade ao galego que existe, creando novos contextos de uso e animando á implicación persoal e colectiva porque, sexa cal sexa o noso punto de partida, todos e todas podemos buscar o xeito de poñer MÁIS GALEGO na nosa vida cotiá e, ao facelo, axudamos a tecer a rede que mantén viva a tradición e fai do galego unha lingua moderna e de futuro.