20.2.19

#LIBRE O MEU PENSAMENTO. MANIFESTO.

Este foi o manifesto que elaboramos o alumnado de animación para compartilo con todo o alumnado do centro, partindo da proposta da AELG:

MANIFESTA ROSALÍA

Estamos aquí para manifestar
que ROSALÍA DE CASTRO segue viva nos seus versos,
que segue a conmovernos
a súa intelixencia e a súa valentía,
o seu desafío ás normas establecidas,
os seus versos cheos de pensamentos
a favor dun mundo máis xusto, máis igual e máis diverso onde todos e todas poidamos sentirnos libres,

Queremos que o seu pensamento libre voe da terra ao ceo escribindo os seus versos en faroliños de papel.

-Para 1º ESO

LIBRE O SEU PENSAMENTO
Rosalía escribiu en galego dando a súa voz á xente do pobo, rexeitando o desprezo dos de fóra e berrando ben alto que a nosa terra é a máis fermosa e termos unha lingua propia é o noso maior orgullo.

Has de cantar,
meniña gaiteira
Has de cantar
que me morro de pena

Canta, meniña
na beira da fonte;
canta, dareiche
boliños do pote

Quenqueira que chame
quenqueira me obriga
cantar cantareille
de noite e de día


-Para 2º ESO e FP Básica

LIBRE O SEU PENSAMENTO
Rosalía denuncia a pobreza
e o sufrimento que causa a emigración forzosa

Vendéronlle os bois,
vendéronlle as vacas,
o pote do caldo
i a manta da cama.

Vendéronlle o carro
i as leiras que tiña;
deixárono sóio
coa roupa vestida.
---
Adiós, ríos; adiós, fontes;
adiós, regatos pequenos;
adiós, vista dos meus ollos:
non sei cando nos veremos.

Miña terra, miña terra,
terra donde me eu criei,
hortiña que quero tanto,
figueiriñas que prantei,
-----
Adios gloria! ¡Adios contento!
¡Deixo a casa onde nacín,
deixo a aldea que coñezo
por un mundo que non vin!

Deixo amigos por estraños,
deixo a veiga polo mar,
deixo, en fin, canto ben quero...
¡Quen puidera non deixar!...
----
Iste vaise e aquel vaise
e todos, todos se van;
Galicia sen homes quedas
que te poidan traballar

E tés corazóns que sofren
longas ausencias mortais,
viudas de vivos e mortos
que ninguén consolará


Para 3º ESO

LIBRE O MEU PENSAMENTO

Rosalía denuncia a dobre explotación das mulleres
no traballo dentro e fóra da casa

No campo
compartindo metade por metade cos seus homes as rudas faenas

na casa
soportando valerosamente as ansias da maternidade
os traballos domésticos e as arideces da pobreza

soas case todo o tempo
tendo que traballar de sol a sol
sin axuda para manter os seus fillos

parecen condenadas a non atoparen repouso
máis que na tumba


Para 4º ESO e ciclos medios

LIBRE O MEU PENSAMENTO
Rosalía denuncia o acoso e a violación que sofren as mulleres e a complicidade da xustiza

Aqués que tén fama de honrados na vila
roubáronme tanta brancura que eu tiña;
botáronme estrume nas galas dun día,
a roupa de cote puxéronma en tiras.

Quedei deshonrada, murcháronme a vida,
Fixéronme un leito de toxos e silvas;
i en tanto, os raposos de sangre maldita,
tranquilos nun leito de rosas dormían.

Salvádeme ¡ouh, xueces!, berrei... ¡Tolería!
De min se mofaron, vendeume a xustiza
-Bon Dios, axudaime, berrei, berrei inda…
Tan alto que estaba, bon Dios non me oíra.

Estonces cal loba doente ou ferida,
dun salto con rabia pillei a fouciña,
rondei paseniño… ¡Ne-as herbas sentían!
I a lúa escondíase, i a fera dormía
cos seus compañeiros en cama mullida.

Mireinos con calma, i as mans estendidas,
dun golpe, ¡dun soio!, deixeinos sen vida.
I ó lado, contenta, senteime das vítimas,
tranquila, esperando pola alba do día.

I estonces… estonces, cumpreuse a xusticia:
eu, neles; i as leises, na man que os ferira.

Para 1º BACH

LIBRE O MEU PENSAMENTO
Rosalía rompeu cos estereotipos de xénero poñendo nos seus versos aos homes a facer os traballos que se consideraban femininos e reclamando liberdade de pensamento e de acción para as mulleres.

Xan vai coller leña ó monte,
Xan vai compoñer cestos,
Xan vai poda-las viñas,
Xan vai apaña-lo esterco,

e leva o fol ó muíño,
e trae o estrume ó cortello,
e vai á fonte por auga,
e vai a misa cos nenos,
e fai o leito i o caldo...

Xan, en fin, é un Xan completo,
deses que a cada muller
lle conviña un polo menos.
Pero cando un busca un Xan,
case sempre atopa un Pedro.

----
Daquelas que cantan as pombas i as frores
todos din que teñen alma de muller.
Pois eu que n'as canto, Virxe da Paloma,
¡ai!, ¿de qué a teréi?


Para 2º BACH e ciclos superiores

LIBRE O MEU PENSAMENTO
Rosalía foi moi crítica co machismo e nunca aceptou o papel que a sociedade lle quería impoñer polo simple feito de ser unha muller, denunciando esta imposición e loitando polo dereito das mulleres a decidir libremente.

Sobre todo os homes que escriben e se teñen por graciosos non deixan pasar nunca a ocasión de dicirche que as mulleres deben deixar a pluma e repasar os calcetíns dos seus maridos...

Ser escritora… que continuo tormento! Pola rúa sinálante constantemente e en todas partes murmuran de ti. As mulleres poñen en relevo ata o máis agochado dos teus defectos e os homes non cesan de dicirche que unha muller de talento é unha verdadeira calamidade … e que só unha parva pode facer a felicidade dun mortal varón.

Só cantos de independencia e liberdade balbuciron os meus labios, aínda que ao meu arredor sentise, xa desde o berce, o ruído das cadeas que debían aprisionarme para sempre.

Non acato os mandatos dos homes porque son os meus iguais. A súa feitura é igual á miña feitura; a súa carne é igual á miña carne. Eu son libre, libre coma os paxaros, como as brisas; como as árbores no deserto e o pirata no mar.


LIBRE O SEU PENSAMENTO
Rosalía soubo ser sempre fiel a si mesma
Por iso os seus pensamentos se elevan da terra ao ceo
e fan da nosa escritora unha figura universal

No comments:

Post a Comment

e ti que dis?