Este curso o alumnado de IAEE (Iniciación á
actividade empresarial e emprendedora) de 4º da ESO participamos no proxecto da Deputación de
Pontevedra Depoemprende na ESO. Consistiu en crear unha empresa cooperativa
dende cero, na que alumnos e alumnas somos os socios e responsables da
actividade empresarial, para logo intercambiar os nosos produtos cunha
cooperativa socia de Elxe, swiss coop, e, unha vez feito isto, vendelos nos
mercados de Cangas e Pontevedra.
O primeiro paso foi pensar sobre a actividade
a que se dedicaría a nosa cooperativa. Así naceu Marsea, a nosa propia empresa
de exportacións de produtos do mar ou típicos da nosa terra. Logo tivemos que
repartirnos os distintos cargos, é dicir , as funcións de cada socio na
cooperativa. Tamén fixemos un organigrama, no que aparecían todos os datos da
empresa e a forma na que nos organizamos, ademais do noso logo, a imaxe
coorporativa.
Xa tiñamos a primeira parte feita, a cal nos
levou un trimestre enteiro. Comezamos a contactar con provedores da zona para
que nos ofrecesen os seus catálogos de produtos, para así poder facer nós o
mesmo. Falamos con varias empresas que moi amablemente nos atenderon. Tamén
contactamos con ADICAM, pois pensamos que sería unha boa idea doar parte dos
nosos beneficios a esta organización, pois están a investigar o beneficio dunha
planta, o Kalanchoe, que axuda a reducir a posibilidade de ter cancro.
Para recadar fondos e así obter os produtos
ocorréusenos a idea de organizar unha festa Holi (A Oli Fest de Cangas), é
dicir, unha celebración de orixe hindú na cal os participantes se botan pos de
cores mentres gozan de boa música e ambiente festivo. O evento saíu bastante
ben e conseguimos acadar beneficios, pero o máis importante foi que toda a
xente que veu pasouno moi ben. A Oli Fest levounos moito tempo de preparación: 3
meses de intenso traballo nos que tivemos que contactar co concello e solicitar
numerosos permisos, mercar os pos de cores (que aínda temos algúns que sobraron
por se alguén está interesado) e demais operacións. Aquí nos
tedes no posto que puxemos no instituto para informar e vender entradas.
depoemprende
from lingualiza
on Vimeo.
Xa rematada a Oli, tocaba comezar coa parte
final do proxecto: enviar á cooperativa socia de Elxe os produtos que nos
compraron e escoller do seu catálogo aqueles que nos interesasen vender no
mercado.
Tras unhas cantas semanas de negociacións
tanto cos de Elxe como cos provedores xa tiñamos os produtos aquí. Por suposto
eran produtos 100% valencianos.
Neste momento chegaba o importante, o sexa, o
mercado. Montamos o noso posto o día 23 de maio a Rúa do Príncipe, en Vigo, xunto
con outros centros de Primaria e Secundaria da provincia de Pontevedra. Tivemos
moita sorte xa que ese mesmo día estaban dous cruceiros na cidade, polo que o
noso pequeno mercado estivo ateigado de turistas. Nós, grazas ao noso gran
coñecemento de linguas, soubemos ofrecerlles os produtos e vender case todos.
Co proxecto xa rematado e cuns resultados
positivos, consideramos a experiencia de crear unha empresa dende cero como
algo que nos axudará moito no futuro á hora de desenvolvernos mellor no mundo
laboral.
No comments:
Post a Comment
e ti que dis?