14.10.16

O GALEGO CHAVE DA PRENSA

O EDLG vén de subscribirse a un novo xornal infantil e xuvenil en galego. Chámase O Papagaio, e chegará cada mes. 12 páxinas a toda cor escritas integramente en galego.

Está impulsado por Edicións moito conto, inclúe temas de actualidade e presta unha atención especial á ciencia, tecnoloxía, ecoloxía, historia, arte, cultura, integración e banda deseñada.

Os seus responsables destacan que a sección de ciencia e tecnoloxía está asesorada por científicos/as e presentada por un personaxe fixo: Simio o científico. De igual xeito, a sección de Ecoloxía conta tamén co asesoramento de profesionais e nel trátanse temas relacionados coa agricultura ecolóxica, a bioconstrución ou a reciclaxe. Os temas van acompañados dun experimento que os e as lectoras poderán poñer en práctica.

Na sección de arte, un pintor chamado Pierrot explica os segredos dos principais movementos pictóricos da historia; este apartado inclúe a proposta dun exercicio práctico sobre o estilo en cuestión. Dentro do obxectivo de fomentar a integración, aparece a sección Pratos para compartir culturas, que achega receitas de distintos países. No apartado de Natureza ten un papel destacado "a fabulosa fauna lectora do noso hábitat", que relacionará as distintas especies animais autóctonas coa literatura universal; e, de igual xeito, inclúe a sección SOS Especies ameazadas, na que os animais en perigo de extinción trasladarán as súas queixas a través dunha carta.

Tamén ten unha sección fixa de banda deseñada, protagonizada por Wifi, un can intergaláctico que vive intensas aventuras nos distintos universos paralelos que nos rodean. E unha tira humorística, Viladenihil, con temática de ciencia ficción social.

Xa o podedes atopar na biblioteca!!!


No comments:

Post a Comment

e ti que dis?