8.12.10

CONTOS QUE NON FALTEN

Amor, sentido e paixón pola lingua, pola oralidade, pola comunicación, por que non se perda un verdadeiro tesouro de historias e contos. Por ir mostrando e ofrecendo coa boca aberta, coa boca chea, unha das nosas posibilidades de relación e cultura máis ricas e admirables. Así fala CELSO FERNÁNDEZ SANMARTÍN do seu oficio de contacontos. O luns 15 de novembro chegou ao instituto co seu fardo de contos, historias e memorias para o alumnado de 3º de ESO pola mañá e para o alumnado adulto pola tarde e deixounos abraiad@s coa súa arte. No fermoso galego de Lalín atrapáronnos as historias recollidas da súa avoa ou das anciás dunha residencia na que traballou, anacos de vida que se sorprende ante as novas tecnoloxías, de mortas resucitadas, de lobos que queren coñecer a forza do home, da maneira de burlar aos reis, de bobos que resultan ser os máis listos, de contos que salvan vidas, que permiten expresar en voz alta aquilo que está prohibido... Agora xa sabemos que aínda que os Séculos Escuros expulsaron o galego dos escritos e dos usos formais, o lume das lareiras seguiu alumeando a forza creadora da nosa lingua oral que non deixou nunca de contar e de cantar.

No comments:

Post a Comment

e ti que dis?