9.11.10

DAVID RUBÍN E KIKE BELLOCH NO INSTITUTO DE RODEIRA

O luns 25 de outubro os alumnos e alumnas de 1º de bacharelato tivemos a sorte de poder conversar no instituto con dous invitados moi especiais, dous grandes da banda deseñada galega: o debuxante David Rubín e o guionista Kike Belloch que viñeron falarnos do seu traballo conxunto na banda deseñada en galego: Uxío Novoneyra. A voz herdada. Contáronnos que, en principio non lles parecía moi atractivo o feito de facer un cómic biográfico xa que non é a súa liña de traballo habitual. Pero, a medida que se meteron no traballo, Uxío Novoneyra conquistounos. Tiveron que facer un estudo moi exhaustivo da época histórica e reuniron todas as fotografías que puideron como base antes de empezar a traballar. Para conseguir máis vivacidade no relato, escolleron como narrador un mozo que coñece ao poeta e descubre con el a forza da poesía. A mellor recompensa ao seu traballo foron as bágoas emocionadas da muller de Uxío Novoneyra, a primeira á que mostraron o seu traballo, porque demostraban que cumpriran o seu obxectivo de conseguir chegar ao corazón coa historia contada.

No coloquio falaron do seus inicios cando aínda non eran coñecidos, da súa participación na creación do colectivo Polaqia e da revista Barsowia, fanzine no que publicaban con outros autores. Loitaron pola realización do seu soño e hoxe poden vivir economicamente do traballo que máis lles gusta facer. David Rubín falounos tamén da súa primeira experiencia no mundo do cinema, traballo que abandonou por falta de tempo. Tivo que escoller e quedou coa banda deseñada, o traballo onde mellor pode plasmar as súas ansias creativas, sen tantos condicionantes como ten o mundo do cinema. Os dous autores aconsellaron ao alumnado que goce coa actividade creativa, sexa cómic, música, literatura..., que loite por poder dedicarse profesionalmente a ela, sempre e cando estea disposto a traballar duro.

A concelleira de cultura, Merche Giráldez, agasallounos con varios exemplares da banda deseñada Uxío Novoneyra. A voz herdada e doutros títulos de banda deseñada en galego: O lobo da xente, As serpes cegas e Os lobos de Moeche. Pídeos na biblioteca do instituto.

Aproveitando a celebración do Salón do Cómic, organizouse unha exposición na que anunciabamos as actividades que se ían realizar no centro e no concello e se achegaba información e mostra das obras de banda deseñada galega en xeral cunha especial atención aos dous autores que nos visitaban.

No comments:

Post a Comment

e ti que dis?