19.10.09

REPARTO DO MEDICAMENTO “GALEGO” A VOLUNTARI@S PARA COMEZAR UN TRATAMENTO EXPERIMENTAL

Como todos ben sabedes Galiza veuse afectada por unha epidemia que está a facer desaparecer a súa lingua propia. Segundo os mais recentes estudos, Vigo e A Coruña están a ser os principais focos de transmisión desta enfermidade e xa se empeza a falar de pandemia. Ataca principalmente a nenos e xente nova, que se senten indefensos pola falta de contextos nos que a lingua naza espontaneamente. Por desgraza non se coñece aínda ningunha cura efectiva e, aínda que hai quen defende que se solucionaría cun ensino en galego desde moi cativos e xa se fabricara un medicamento que se chamaba galescolas, agora hai quen pensa que ten efectos secundarios e retirárono do mercado. Tamén hai quen pensa que non hai que preocuparse tanto, que é unha enfermidade coa que se pode ir tirando, que non sempre se pode ter todo.

Pero en Rodeira non nos conformamos. Ante a falta de compromiso das institucións, montamos o noso propio laboratorio para dar coa solución do mal que xa se deixa sentir nos corredores. Chámase ENDL e decidiu fabricar artificialmente un medicamento que bautizou co nome da lingua en perigo: GALEGO. Vós todos e todas os que estades aquí decidistes voluntariamente formar parte do experimento e probar os seus efectos. Se alguén se arrepinte está a tempo de marchar. @s que vos quededes tedes que estar convencidos de que queredes curarvos da falta de galego na vosa vida.

O primeiro será ler con atención o prospecto do medicamento que queremos tomar. Imos alertar sobre todo dos efectos secundarios. E fixádevos tamén en como debe administrarse en pequenas doses que deberán ir aumentando progresivamente.

-------------------------------------------------------------------------------

GALEGO

Propiedades
É un composto coñecido e empregado desde hai séculos, da familia lingüística galego-portuguesa, derivado do latín. Utilízase como instrumento de comunicación, sendo o compoñente prioritario da identidade galega. O seu uso prolongado provoca unha agradábel sensación de orgullo e autoestima. A súa administración desde os primeiros anos de vida, nos centros de ensino e nos lugares de ocio e tempo libre, potencia os seus efectos beneficiosos.

Indicacións
- Trastornos de comportamento por causa da diglosia, o autoodio ou a falta de autoestima.
- Trastornos por ausencia de relación coa cultura e a identidade galegas.
- Persoas con insuficiencia comunicativa.
- O seu uso está especialmente indicado para persoas e colectivos que crean que a diversidade cultural dos pobos do mundo nos enriquece como seres humanos.
- Estados de acollida d@s acabad@s de chegar a Galiza.
- Viaxeir@s que queiran visitar Portugal, Brasil, Angola, Mozambique ou as illas Açores ou Madeira ou conversar con xente procedente destes lugares.

Contraindicacións
Non se coñecen até o de agora.

Incompatibilidades
Presenta problemas en pacientes con trastornos ideolóxicos, asociados ás linguas do poder e indiferentes á perda cultural e de identidade da humanidade.
Recoméndase a inxesta doutros idiomas, cantos máis mellor, para ver de chegar, polo camiño do plurilingüismo, a entender que a lingua propia da nosa comunidade é insustituíbel.

Efectos secundarios
O paciente que o consuma por primeira vez pode experimentar unha sensación de estrañeza e unha certa incomodidade que desaparece ao continuar o tratamento.

Fórmula
- Latín
- Linguas de substrato preindoeuropeo e indoeuropeo.
- Linguas de superestrato: visigodo, suevo, árabe.

Presentación
Pode consumirse en formatos moi diversos, a través de textos escritos ou de administración oral. Recoméndase a súa distribución en formatos actualizados (novas tecnoloxías, cine, TV, radio, música variada) e o seu consumo tradicional (familia, veciños, amigos).

Doses
Comezarase pouco a pouco e irase aumentando progresivamente. É moi aconsellable acompañalo ao comezo de terapias colectivas que axuden a superar as reaccións provocadas polas primeiras tomas.

Caducidade
O propio medicamento ten unha sorprendente capacidade de rexeneración polo que NON presenta data de caducidade.

ESTE MEDICAMENTO DEBE ESTAR AO ALCANCE D@S NEN@S


laboratorios sociais
de normalización lingüística
(Sechu Sende, adaptación)
--------------------------------------------------------------------------------

Aconsellan terapia de grupo para superar os primeiros efectos adversos. Ímola facer por niveis, un día á semana:
- 2º,3º ESO: luns
- 4º: martes
- 1º ESO: mércores
- 1º Bach: venres
- 2º Bach: xoves

No comments:

Post a Comment

e ti que dis?