30.1.20

UNHA FLOR NO CANO DUN FUSIL

E chegou o Día da Paz. O alumnado maior veu ás nosas aulas e ensinounos a facer flores vermellas inspiradas nos cravos portugueses.




 E fomos baixando á exposición onde conversamos sobre o que aprenderamos ao longo destas semanas sobre as revolucións pacíficas




lemos os nosos manifestos e colocamos as nosas flores vermellas no cano dos fusís como símbolo do noso compromiso coa loita non violenta a favor dos dereitos humanos como único camiño para a paz.








28.1.20

FARIÑA: TEATRO NO AUDITORIO



A adaptación teatral da obra "Fariña" de Nacho Carretero chega este venres e sábado ao Auditorio Municipal de Cangas, da man de Xosé Antonio Touriñán cun elenco formado tamén por Marcos Pereiro, María Vázquez, Cris Igrexas e Sergio Zearreta nun espectáculo de gran formato que conta a historia do narcotráfico en Galicia nas últimas décadas do século pasado.



Vémonos o venres, ás 20:30 horas na porta do Auditorio.

21.1.20

GUADI GALEGO, PREMIO Á PROMOCIÓN DA REALIDADE PLURILINGÜE DO ESTADO

Euskadi, Cataluña, Galicia, Valencia, Navarra e Baleares conceden este galardón á artista galega polo seu último traballo discográfico multilingüe 'Immersion', integrado por músicas cantadas en sete linguas peninsulares: galego, castelán, asturiano, catalán, euskera, occitano-aranés e tamén portugués. 

O disco conta con numerosas colaboracións de divers@s artistas, tanto da escena galega ( Iván Ferreiro, Andrés Suárez, Xabier Díaz…) como da nacional e internacional (Judit Neddermann, Lisandro Aristimuño, Álex Ínsua…).


En portugués, Guadi canta co Ana Bacalhau, solista do grupo Deolinda, o tema Matriarcas.


20.1.20

A PAZ É ACCIÓN: AS REVOLUCIÓNS PACÍFICAS

Da man da revoluçao dos cravos, o alumnado pescudou información sobre outras revolucións pacíficas que tiveron lugar ao longo da historia e que conseguiron e están a conseguir un mundo máis xusto e igualitario, a mellor maneira de traballar pola paz. E colocaron a información nos taboleiros laterais da planta baixa.




17.1.20

CAMBIEMOS BALAS POR FLORES: A REVOLUÇAO DOS CRAVOS

Comezamos un novo ano retomando o noso proxecto de derrubar fronteiras entre galego e portugués á vez que descubrimos na nosa historia outras formas de resolver conflitos que renegan da violencia. E por iso escollemos, como inspiración para celebrar o Día escolar pola paz e a non violencia, achegármonos a un feito histórico portugués, compartido por moitos galegos: a revoluçao dos cravos. E o departamento de Xeografía e Historia púxose mans á obra seleccionando vídeos en portugués para achegar ao alumnado á realidade da ditadura, ás terribles consecuencias da guerra colonial, ao Grândola, vila morena de Jose Afonso soando na radio e á xente echendo as rúas e colocando cravos nos fusís dos soldados.

Tamén preparamos unha pequena presentación deste feito histórico que ocupou o centro da planta baixa xunto a un gran exército de fusís feitos con papel marrón.








20.12.19

MULLERES DA MAN TENDIDA

Foi emocionante esta actividade teatral que nos puxo en contacto coa xente maior, os actores e actrices do grupo de Teatro Aberto do ensino de persoas adultas. Dramatizaron anacos da vida das nosas avoas, intentando conciliar a familia, o traballo no campo e na fábrica de Massó, á que acudían en canto soaba a sirena que anunciaba a chegada dos barcos. Unha vida dura e entregada na que loitaron duro por uns dereitos que, como nos pediron ao final da obra, tócanos agora defender a nós.

19.12.19

FESTA DE NADAL: CREANDO EN GALEGO

Remata o trimestre e os equipos despedímonos facendo festa. Cada equipo demostrou a forza creativa do galego a través do teatro e a dramatización ou escollendo a súa música favorita para gravar un videoclip. Aquí tedes o resultado do seu talento:

- Obra de teatro: UN ENIGMA MOI REAL


- Videoclips:

TERBUTALINA: Filloa


AID: Apréndeo


OS FILLOS DO ESTRAMONIO: Noria


A BANDA DA LOBA: Fabricando luz


luz from lingualiza on Vimeo.


2.12.19

NADAL +GALEGO +PORTUGUÉS

Nas aulas de Economía aproveitaron que se achega o Nadal para pescudar na rede e converter todas as iniciativas empresariais e culturais que comparten mercado e servizos entre Galiza e Portugal en fermosas bólas de Nadal para decorar a planta baixa do instituto.


Tamén fixemos exposición das novidades editoriais galegas e portuguesas xunto a unha orixinal árbore de Nadal, feito cos paxaros e as bolboretas de papiroflexia que o alumnado fixo para facer voar o galego na ciencia.


26.11.19

GUÍAS DE LECTURA


Achégase o Nadal e queremos que os libros e a música formen parte dos vosos agasallos. Para facilitarvos as mellores ideas, os EDLG dos coles e institutos do Morrazo deseñamos estas guías que repartimos entre o alumnado e nas librarías e centros da comarca. Agradecemos a Esteban Acuña de Tarabelos: títeres e contacontos a fermosa ilustración.













25.11.19

A MOCIDADE ACTIVA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

E chegou o 25 e botámonos á rúa para denunciar a violencia machista e dar voz ás 52 mulleres asasinadas este ano e para advertir que hai que estar vixiantes coas relacións e abandonalas de inmediato se se volven tóxicas, denunciando que o machismo aínda segue presente en moitos comportamentos sociais. O símbolo do noso compromiso, un lazo violeta que levamos atado no pulso e que, trala lectura do manifesto, atamos ao valado exterior do instituto formando un NON rotundo e decidido á violencia de xénero.





19.11.19

UNHA NOVA OLLADA AOS CLÁSICOS DA LITERATURA INFANTIL E XUVENIL

Hoxe recibimos no instituto a Miguel Vázquez Freire que veu falarnos de varias obras da literatura infantil e xuvenil galega, tanto de clásicos galegos como o señor Lamote como de clásicos universais traducidos ao galego como Alicia e Carapuchiña Vermella. Reflexionamos, a partir das historias sobre sentimentos e valores universais que fan que sigan tendo algo que dicir hoxe, lonxe de mensaxes moralizantes e miradas edulcoradas da sociedade na que vivimos.


17.11.19

IES de RODEIRA EN NEGRO

Achégase o 25 de novembro e o centro vístese de negro e de lila contra a violencia de xénero. A educación nas aulas é a nosa aposta para superar os estereotipos e os prexuízos que nos foron transmitidos e traballar pola igualdade.



As reflexións tomaron forma a través de conferencias, obras de teatro e exposicións dos traballos de aula.