16.6.14

FACENDO NOVAS ESTATÍSTICAS EN GALEGO SOBRE A CAMPAÑA DA FROITA



O alumnado de 1ºC da profe Débora seguimos aprendendo estatística a partir de cuestionarios sobre a froita realizados a todos os nosos compañeiros e compañeiras de 1º e 2º da ESO. Entregámoslle unha enquisa a cada alumno/a preguntando sobre a froita preferida,  sobre o número de pezas de froita que comemos cada día e se participarían ou non para o vindeiro curso. Logo fixemos reconto, cálculo de medias e moda e representación gráfica. Aquí tendes os resultados que están expostos nos taboleiros da entrada:








11.6.14

SE QUERES BOAS NOTAS... FROITA PARA O CEREBRO

En época de exames, alimenta ben o teu cerebro. Non esquezas a froita na túa dieta.

10.6.14

FACENDO ESTATÍSTICA EN GALEGO: CONSUMO DE FROITA

O alumnado de 1ºC coa nosa profe Débora tivemos unhas clases de mate un pouco especiais. Estivemos elaborando estatísticas e gráficas cos datos recollidos dos días que comeron froita os alumnos e alumnas de 1º da ESO. Rematadas as catro semanas de froita, fomos ás outras aulas de 1º a expoñér o noso traballo. E todo iso en galego... que na nosa lingua tamén se pode falar de números.






Estes foron os datos recollidos:





1º B, a aula gañadora, recibiu como premio unha enorme torta de froitas. Tamén houbo unha torta un pouco máis pequena para 1ºC polo seu traballo estatístico que os interesou tanto que fixo que remontasen e quedasen moi pretiño da aula gañadora.



CONTANDO CONTOS NOS COLES

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega de 1 da ESO fomos aos coles da Rúa e de Castrillón onde contamos e dramatizamos contos en galego para o alumnado de infantil. Fíxonos moita ilusión volver aos coles nos que estudamos primaria.


TEATRO from lingualiza on Vimeo.

2.6.14

APRENDENDO DOS MAIORES NA HORTA. 4º ESO

Esta vez tocounos aos de 4º da ESO recoller os restos da froita para facer compost e visitar a horta para ver como foron medrando as nosas árbores. Xa temos unha mazá!



30.5.14

CHEGA O VERÁN!!! TRIUNFAN A SANDÍA, AS CEREIXAS e OS ALBARICOQUES

Última semana de reparto de froita no instituto máis chea que nunca de cores e sabores. Volvimos ter plátanos, mazás e peladillos e chegaron triunfando a sandía, as cereixas e os albaricoques como invitadas estrela. Estas froitas tráennos xa o recendo das vacacións.  Marchamos pero levamos con nós o lema da nosa campaña para sentírmonos en forma: MÓVETE, RESPIRA E COME FROITA FRESCA!!!



28.5.14

EXPLICANDO EN GALEGO O PASO DE PRIMARIA A SECUNDARIA

Tomás, Abel e Lorena falaron en galego nos coles de primaria dos seus primeiros pasos no instituto. Explicáronnos que os mellores trucos para ter éxito na ESO son : atender moito nas clases, traballar na casa e ter boas relacións cos  profes e compañeiros e compañeiras. Tamén que, ao principio, fixeron moitas actividades na sala de usos múltiples para coñecerse e algunha vez traballaron en equipos. Lembraron que, no proxecto deste curso (Un paso adiante),  os pasos foron importantes e fixeronse moitas actividades con eles porque significan que queremos andar para mellorar. Estar en 1º tamén é como iniciar un novo camiño. Advertiron ao futuro alumnado de que, en secundaria, os profes non te levan tanto da man como en primaria porque ser maior é tamén aprender a ter responsabilidade. Fixérono fenomenal e agradecéronllo cun forte aplauso.



COÑECENDO XENTE NOVA EN GALEGO: Santiago en Cangas



Tras moito tempo agardando e despois de coñecérmonos mediante as cartas e na nosa visita a Santiago, por fin chegou o dia!! O dia 27 de maio os alumnos e alumnas do IES Pontepedriña de Santiago de Compostela visitaron o noso instituto. Recibímolos na sala de usos múltiples onde lles ensinamos, mediante unha presentación,  a situación do Morrazo e os concellos que o forman, as parroquias de Cangas e os lugares mais característicos, pois había xente que era a primeira vez que nos visitaba. Ao rematar, despois de atopar a nosa parella de correspondencia, comezamos unha ruta onde cada un de nós tiña que facer de guía,  levándoos aos lugares máis emblemáticos do noso pobo. Comezamos pola Praia de Rodeira, onde está situado o noso instituto, polo que fomos moi envexados  xa que esas vistas e esa situación privilexiada non a ten calquera instituto. Logo de percorrer o paseo marítimo da nosa vila, pasando pola serea tamén coñecida como O Galeón, chegamos ao centro de Cangas, onde lles ensinamos a Capela do Hospital, e aproveitamos para sacar unas fotos. Continuamos a nosa visita pasando pola Praza de Abastos, ata chegar á Casa da Bola onde se sitúa a oficina de turismo e onde os mozos e mozas de Santiago colleron unas bolsiñas con información sobre o noso pobo. A continuación visitamos un dos lugares máis importantes de Cangas, á súa igrexa, que data do século XVI. Aproveitamos para contarlle que Cangas é coñecida en toda Galicia pola súa Semana Santa, xa que está declarada de interese turístico galego; desde o porto marchamos en autobús ata a Praia de Liméns. Coma o sol non quixo acompañarnos, tivemos que conformarnos coa area, facendo xogos de competición. E aquí foi onde nos despedimos, coa esperanza de volvérmonos atopar, xa sexa en Santiago ou en Cangas.



27.5.14

COÑECENDO XENTE NOVA EN GALEGO: na illa de San Simón



Este curso o alumnado do 3º da ESO do noso instituto uniuse ao do instituto Montecarrasco para realizar un intercambio co IES Carlos Casares de Vigo. Foi unha proposta dos nosos profes de galego e tiñamos que comprometernos a establecer contacto cos nosos novos amigos e amigas en galego. Fixéronse parellas e primeiro coñecémonos por carta. Xa no mes de maio puidemos vernos en persoa nun encontro organizado na illa de San Simón. Rodeira e Monte carrasco fomos en barco a Vigo. Alí, no peirao tivo lugar o primeiro encontro coas nosas parellas epistolares e todos e todas xuntos collemos de novo o barco, esta vez con destino á illa de San Simón. Alí un guía ensinounos a illa. Tivemos logo tempo libre para comer e conversar e logo fixemos todos e todas xuntos unha xincana literaria sobre o libro Noite de voraces sombras de Agustín Fernández Paz. Pasámolo xenial!



26.5.14

BATIDOS PARA O VERÁN. Nova campaña publicitaria en galego.

Aprende como facer ricos batidos agora que comeza o tempo de calor.


23.5.14

A BELEZA FERIUME PARA SEMPRE



Os versos de Díaz Castro acompañaron ás fotografías presentadas por toda a comunidade escolar ao Concurso-exposición de Fotografía da Natureza, organizado polo departamento de Bioloxía.




19.5.14

O CARBALLAL DE COIRO. OS SONS DA NATUREZA. OS SONS DA FALA



Camiñando polo espazo que compartimos, chegamos ao lugar que nos une. Por fin chegou bo tempo e chegounos aos de 1º da ESO de ir pasear polo Carballal de Coiro. Sergio, Ancor, Xian, Uxia e Laura (alumnado de 2º da ESO) acompañáronos  no noso paseo polo Carballal. Alí gozamos do aire libre, da paz e do silencio do lugar e puidemos escoitar  tres xeracións a falarnos con entusiasmo do lugar que coñecen do lugar que lles dá vida porque os conecta co seu. (Manolo Boubeta, Pepe, Manolo e Sol).  Nós temos que deixarnos aprender e pensar que algún d@s que hoxe estamos aquí a escoitar poderemos ser para o ano que vén ,@s que lles esteamos a falar á vindeira rapazada do espazo natural que xa contribuímos a conservar.
Escoitar escoitamos.....







 

Á volta da saída, reflexionamos sobre a importancia da nosa natureza e valoramos o traballo das persoas que a coidan e comparten con nós todo o seu saber de xeito desinteresado. Porque cada pequeno paso que damos conta e todos e todas somos importantes na defensa do nos patrimonio natural, expuxemos as palabras de
tod@s nós que son o zume  necesario para construír unha única árbore común.