28.4.10

RIANXO EN CANGAS

Que galego tan auténtico teñen os rapaces e rapazas de Rianxo e con que naturalidade o falan. Sáelles da alma… Foi para o Equipo de Normalización de Rodeira un privilexio poder compartir un día con el@s, ensinándolle o centro de Cangas e o noso paraíso natural á beira do mar desde Donón a Melide. Xa nos tarda a visita a Rianxo.

PLANETA FURANCHO GRAVANO INSTI

Planeta Furancho é un programa de Radio Galega Música que pretende ser un altofalante para a música galega contemporánea; un faro, unha axenda e un latexo diario e actual de todo canto acontece na nosa fascinante realidade musical.
Vituco Neira, voz do grupo galego de rock Ruxe.ruxe (que vén de sacar ao mercado o seu último álbum Na Fura de diante) é o presentador desta fiestra á que tod@s @s galeg@s poderán achegarse para coñecer e gozar da música que se fai nesta parte do mundo.

O pasado 24 de marzo PLANETA FURANCHO gravou o seu programa no noso instituto. Vituco entrevistou a Marquitos, o neto do Manuel, voz da Tuna Rastafari e ex-alumno de Rodeira, a César, un dous poucos homes-orquestra que quedan no país e a Cecilia e Darío, profes do instituto. Para todos houbo actuacións en directo. Marcos cantou, acompañado da guitarra, dous temas do novo disco da Tuna Rastafari: Carne de pachanga; alumnado de 4º, acompañado por Cecilia ao violín e Darío e Álex á guitarra, interpretou unha versión en galego de Miña terra galega de Siniestro Total; e por último acompañamos á Cé Orquestra Fantasma formada por un só home con varios temas populares entre os que non puido faltar estando no Morrazo a do ghato metido nun saco, a popular peza de Manuel da Ponte. Podedes escoitar o programa gravado buscando en Internet crtvg e seleccionando RGMúsica, Arquivos de Radio, Planeta Furancho, 24 de marzo.

19.2.10

29.1.10

VIVE EN GALEGO E PONLLE MÚSICA!

Este foi o lema da festa de fin do 1º trimestre d@s que formamos o Equipo de Normalización. A música foi o eixo central e preparámola con achegas de tod@s.

- Sentímonos grupo cantando Somos do clube do galego (Xabarín) mentres lembrabamos as actividades do trimestre cunha montaxe de fotos.

- Reforzamos o orgullo polas nosas raíces montando un crebacabezas do poema de Celso Emilio Lingua proletaria do meu pobo que cantamos rapeado por García de Dios ke te crew cunha montaxe de fotos do nosos avós e avoas labregos e mariñeiros. Tamén bailamos Estomballada de Kubelo Remix (apologhit, canción do verán do ano pasado) e as cancións do Xabarín Club de Heredeiros da Crus, que ten moit@s fans entre nós, facendo karaoke cos vídeos de youtube.

- Destacamos a importancia das lendas e dos contos na nosa tradición, co vídeo de youtube Carmiña a vacaloura.

- E tamén dos debuxos animados que nos achegaron ao galego desde cativ@s. Un tema de DRAGON BOLL foi o escollido. Como non o atopamos en youtube cos subtítulos en galego puxémosllo nós.

- @s profes preparáronnos unha montaxe sorpresa co tema Antes de pequeno de Som do Galpom con fotos súas de cando eran pequenos.

- Tamén cantamos e bailamos Quero ver como te ris (Medomedá) e O tren (Andrés do Barro) com vídeos gravados polo alumnado de 1º de bacharelato e 4º da ESO.

- Despedímonos tomando uns petiscos e facendo bos propósitos para VIVIR EN GALEGO no ano 2010. De agasallo unha tarxeta con enderezos de interese para descargar, mercar e informarse sobre música en galego.

14.12.09

O GALEGO É O MELLOR REGALO

Que non falte o galego nos teus agasallos do Nadal. Libros, discos, DVD, camisetas, produtos selectos e ecolóxicos etiquetados na nosa lingua… Se non sabes que mercar, visita a nosa exposición na planta baixa do instituto e atoparás ideas e enderezos onde conseguilas.

O Equipo de Normalización quere aproveitar a ocasión para desexarche unhas felices vacacións e un ano novo cheo de galego. Bicos!

4.12.09

A MÚSICA COMOEXPRESIÓN DE INCORFOMISMO



Este mércores 2 de decembro tivemos o pracer de conversar no instituto con tres grandes músicos galegos: García, de Dios ke te crew; Abraham, de Sonoro maxín; Jose, de TNT e Motor Perkins e Esteban, de Skacha. Esta mesa redonda sobre música e compromiso social foi moderada por Vari, membro da asociación Deskarga furtiva. Escoitamos música destes grupos e explicáronnos as características que definen o seu traballo. Contestaron as preguntas do alumnado sobre os motivos polos que se decidiron a formar un grupo musical, a importancia do galego nas súas letras, a necesidade dunha maior presenza feminina nestas bandas de música que eles definiron como alternativas, lonxe dos circuítos comerciais; as razóns dos nomes dos grupos ou os problemas aos que se tiveron que enfrontar pola súa postura crítica co mundo que os rodea. Animaron ao alumnado interesdo a expresarse a través da música, desafogando nas letras todas as súas inquedanzas persoais e sociais.
Agradecemos á asociación Deskarga furtiva que contase, un ano máis, co equipo de normalización do centro para organizar esta acttividade, que forma parte da semana cultural do Festival Furtivo.

23.11.09

MAGOSTO 2009

9.11.09

SAMAÍN

20.10.09

QUEREMOS GALEGO

DEMOSTRA QUE ESTÁS PREPARAD@ PARA FORMAR PARTE DO EQUIPO DE NORMALIZACIÓN DO IES DE RODEIRA


Condicións xerais: Tedes que camiñar desde o instituto até a praia de Santa Marta pola beira do mar e falar en galego ao longo de todo o paseo. Estades list@s?

- Proba 1: Detédevos na Praia de Rodeira.
Cantas veces deixastes de falar en galego por medo a dar a nota ou a chamar a atención? Demostrade que sodes capaces de superar o medo ao ridículo converténdovos en flocos de millo brincadeiros saltando cos brazos pegados ao corpo nunha grande tixola. Se saltando tocades outro floco, comezaredes a saltar xunt@s, moi pegados. Así irán creándose grupos até convertérmonos nunha gran bóla xigante.



- Proba 2: Detédevos no Dique.
Outro requisito fundamental para formar parte do ENDL é saber sermos serios á hora do traballo e saber rirmos e pasalo ben á hora da diversión.
Agrupádevos en dous equipos, un fronte ao outro. Tiramos ao aire un zapato. Se cae boca arriba, os da fileira da dereita botaranse a rir e os da esquerda terán que permanecer moi serios. O que se ría quedará eliminado. Se o zapato cae boca abaixo será ao contrario. Gañan @s que máis resistan.



- Proba 3: Detédevos en Punta Balea.
No ENDL é fundamental a forza do grupo, saber apoiarse uns noutros. Se alguén non cumpre os compromisos todo o grupo se resente.
Temos que formar unha roda e facela avanzar sentándonos nos xeonllos do que temos detrás.



- Proba 4: Detédevos en Area Milla
Parece que para falar galego en Cangas hai que recibir adestramento para superar probas difíciles. A ver se vos atrevedes con estas:
- Cada equipo nunha fileira para unha carreira. O primeiro pasa a man dereita entre as pernas para coller a man do seu compañeiro de atrás e así tod@s.
- Cada equipo nunha fileira para unha carreira.O primeiro ten as mans nos xeonllos e os demais levan as mans nos nocellos do anterior e a cabeza entre as pernas.
- Cada equipo nunha fileira para unha carreira. De xeonllos coas mans apoiadas nos ombros do que está diante. En fronte, un capitán que suxeita as mans do primeiro da barca. A barca móvese porque todos empurran cos pés ao tempo. Perden @s que se separen.
- Grupos de seis. O primeiro ten que apoiar os pés nos ombros do compañeiro de atrás, apoiándose só nos brazos. O segundo fai o mesmo e así todos, sendo o último o único que ten os pés no chan. Ten que avanzar uns metros sen descarrilar.



- Chegamos ao destino: a praia de Santa Marta. Facemos grupos e aportamos ideas para o proxecto de Normalización deste curso.



- Fotos en forma de G e unha pancarta “O galego fainos únicos” lanzou polo aire coa axuda de tod@s aos máis arriscados.