3.12.21

CONCURSO DE MÚSICA: FESTAII, Lil Chachi

Tema de Lil Chachi, nado en Louro 1997, músico e produtor galego adscrito principalmente aos estilos do rap e do pop. A súa andaina musical iníciase arredor de 2016, cando comeza a publicar nas plataformas Youtube e Soundcloud os seus primeiros singles. Case un lustro despois, en febreiro deste mesmo ano ve a luz o seu primeiro álbum, titulado “2021 Montelouro Hills Drive”. Este é o seu primeiro proxecto integramente en galego e nel Lil Chachi amosa cales son seus referentes musicais, que forman parte dos estilos do hip-hop, trap, rap alternativo ou pop rap.

1.12.21

CONCURSO DE MÚSICA: NOITES DE AGOSTO, Ataque Escampe

Tema do grupo Ataque Escampe que comezou a súa andaina como grupo no ano 2001, pero non se consolidaría ata o ano 2008 cando viu a luz o seu primeiro disco. Ademais, entre os seus recoñecementos está o de ser gañadores, na categoría indie/pop, dos Premios da Música Galega en 2014. En canto ao estilo, eles mesmos afirman que escriben cancións con salsa agridoce. Producen músicas tristes para escenarios con cortina vermella, reverbs torturados e himnos á derrota, pero tamén rock’n’roll para desabrochar as camisas, soul hilarante e, por que non, ruído. Textos amargos que manchan as mans con algo que chamaremos optimismo e a estraña melancolía dun crooner extraterrestre.

30.11.21

CONCURSO DE MÚSICA: AMBIENTE, Verto, Rhome

Tema de Verto en colaboración con Rhome. Verto é un grupo formado por Berto Mira e Fer Peleteiro, que comezou a súa andaina en 2019. O seu rompedor estilo que mestura pop, música disco e trap converteunos nun dos grupos galegos máis populares e escoitados nas plataformas dixitais. Rhome é o nome artístico do cantante e produtor noiés Pablo Romeu, que conxuga xéneros urbanos e latinos.

29.11.21

NOVAS VOCES PARA A LINGUA

CONCURSO DE MÚSICA: PEIXE, Xisco Feijóo

Hoxe presentamos a canción que dá nome ao último disco do vigués Xisco Feijóo, Peixe. É un artista polifacético que combina o seu labor musical coa docencia na Escola Municipal de Vigo de Música Folk e tradicional (ETRAD). Ademais, está considerado un grandes referentes da etnografía galega polos seus máis de trinta anos de incesante traballo de recuperación musical. Que xa vos soaba Xisco Feijóo? Pois claro. Foi o bailarín que protagonizou o videoclip da canción Midas do grupo Tanxugueiras. O luns, máis.

26.11.21

CONCURSO DE MÚSICA: NANANA, Ortiga

Nanana é un tema de Ortiga, nome artístico do compostelán Manuel González, un cantante polifacético que combina a súa prometedora carreira en solitario co seu labor no grupo Boyanka Kostova, que mestura trap e música tradicional.

25.11.21

DÍA INTERNACIONAL PARA A ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER

Primeiro a reflexión nas aulas, creando diálogos que partindo do que esperamos dunha relación mostrasen os diferentes chanzos da escaleira do maltrato, cando a relación se volve tóxica.
E dando voz ás que xa non a teñen, lembrando os asasinatos que aínda se producen cada ano.
Para finalmente saír a rúa con carteis e denunciar co noso manifesto esta situación, animando a denunciar e a loitar por conseguir a igualdade de oportunidades.

24.11.21

CONCURSO DE MÚSICA: NORAI DE ANGURIA, Carolina Rubirosa

Hoxe entra en concurso un tema de Carolina Rubirosa, unha das voces con maior proxección do panorama musical galego. Ademais dunha prometedora carreira en solitario, forma parte do grupo The Funkles, integrado só por mulleres. A música desta rapaza do Grove bebe do funk, do soul, do jazz, do folk e da bossa nova. Vota na nosa conta de Instagram o teu tema preferido a partir de mañá xoves.

23.11.21

CONCURSO DE MÚSICA: LUMINARIAS II, Rebeliom do Inframundo

Xa temos nova canción, do grupo Rebeliom do Inframundo, rap insubmiso que naceu en Ponteareas, alá polo ano 2005.

22.11.21

CONCURSO DE MÚSICA: FAINO TI, High Paw, Javier Vicalo

 Novo tema para o noso concurso musical.

Hoxe é a quenda de "Faino ti", unha colaboración entre @highpawgz e Javier Vicalo.

High Paw é o nome artístico da viguesa Paula Herrero, unha das máis novas e orixinais voces do reggae en galego.

Javier Vicalo é produtor e músico e foi el mesmo o que se encargou da produción e da gravación desta canción que aquí vos ofrecemos.


Seguide pendentes no blog ou en Instagram! Mañá máis!

19.11.21

CONCURSO DE MÚSICA: FEDES A FAIADO, Os Vacalouras

Desde os tres institutos de Cangas, lanzamos esta iniciativa para saber cal é a música en galego que máis vos gusta. Subiremos un tema por día e poderedes votar cada xoves na nosa conta de Instagram: lingualizat. 

O primeiro tema é "Fedes a faiado" do grupo OS VACALOURAS, un grupo de punk rock experimental que naceu en Teis arredor do ano 2007. O estilo desenfadado e a creatividade das súas letras fan deste grupo todo un referente do rock vigués actual.

Agardamos que vos guste!


12.11.21

MAGOSTO

Celebramos o magosto comendo castañas ao son da música e as cantigas populares. Como ten que ser!