30.8.23

TRADUCIÓN AO GALEGO DESDE A VOZ MEDIANTE INTELIXENCIA ARTIFICIAL

Meta presentou, a finais deste mes de agosto, SeamlessM4T, un modelo de tradución mediante IA multilingüe e multimodal, que quere permitir que as persoas poidan comunicarse sen esforzo a través da fala e o texto en distintos idiomas, soportando actualmente o recoñecemento de voz en preto dun cento de linguas, a conversión de voz a texto en preto dun cento de linguas de entrada e de saída, a tradución verbal en preto dun cento de linguaxes de entrada e 36 linguaxes de saída, a tradución de texto en preto dun cento de linguas e a tradución de texto a fala en preto dun cento de linguaxes de entrada e 35 linguaxes de saída. Cómpre salientar que nas funcións mencionadas onde hai preto dun cento de linguas está incluído o galego, o que pode ser un grande avance para a nosa lingua á hora de relacionarnos coa tecnoloxía mediante a voz. Meta está a publicar este modelo de linguaxe, xunto coas máis de 270.000 horas de gravacións de voz sincronizadas con texto, empregadas como conxunto de datos para este modelo que podemos entender como o típico tradutor universal dos filmes de ciencia ficción. Dende a compañía de Mark Zuckerberg recoñecen que os sistemas actuais de tradución verbal ou de conversión de voz a texto só funcionan cunha pequena fracción das linguas do mundo, e cren que SeamlessM4T pode supor un grande avance neste ámbito ao funcionar mediante un único modelo, o que permite a redución de erros e retardos e a mellora da eficiencia e a calidade dos procesos de tradución. Nunha publicación no blog sobre IA de Meta detallan o funcionamento de SeamlessM4T, e incluso achegan unha demostración do sistema de tradución ao que podemos falarlle en preto dun cento de idiomas (entre os que está o galego) e que permite xerar rapidamente unha tradución falada en até 3 dos 35 idiomas dispoñibles a través desta ferramenta. SEN DÚBIDA, UNHA BOA NOVA!

1.8.23

O GRAN RETO. TI TAMÉN PODES.

A asociación Alingua promoveu a creación desta webserie na que tres casteláns falantes asumen o reto de falar 21 días en galego. Aquí tedes a presentación de Maria Rúa, máis coñecida como @pradorua nas redes sociais.